Friday 29 de March de 2024

O director de Industrias Culturais da Xunta visita ao equipo da serie “Hasta el Cielo” na súa rodaxe na Coruña


— Vaca Net TV produce para Netflix esta historia, que lle dá continuidade á película homónima e para a que conta cunha subvención de 300.000 euros a través do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual galego

— A súa filmación na provincia coruñesa e nalgunhas localizacións de Lugo implicará un gasto en Galicia de 3M€, cunha estimación de retorno económico de máis de 4,6M€

— Emma Lustres e Borja Pena como produtores executivos e Daniel Calparsoro como director encabezan un equipo para o que contan con Luis Tosar, Asia Ortega e Álvaro Rico nos papeis protagonistas

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, visitou o equipo da serie Hasta el cielo durante a xornada de rodaxe que se desenvolveu hoxe no polígono de Agrela na Coruña, cidade que está a concentrar boa parte da filmación desta produción, que conta tamén con localizacións noutros puntos da provincia e de Lugo, así como en Madrid, París, Lisboa, O Algarve e Nixeria. A compañía Vaca Net TV produce para Netflix esta historia, que conta para a súa gravación en Galicia cunha subvención de 300.000 euros a través da primeira quenda do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un dos grandes proxectos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para o trienio 2021-2023.

Esta liña de axudas busca actuar como incentivo para converter Galicia nun escenario habitual de rodaxes cinematográficas e televisivas. Así, tamén resultaron adxudicatarias da súa primeira convocatoria as series de Portocabo Rapa, que está a emitir xa Movistar+, e Argonautas, así como o filme 13 exorcismos, de Bambú Producciones.

Impacto económico e de emprego
No caso de Hasta el cielo, a axuda adxudicada pola Xunta implica un compromiso de gasto na nosa Comunidade de 3M€, que terá ademais un importante impacto económico. De feito, segundo as primeiras estimacións dun estudo encargado á Universidade de Santiago de Compostela, calcúlase un retorno total de entre 4,6 e 4,7M€, sumando tanto o directo como o indirecto, e a xeración de máis de 70 empregos en cómputo anual.

Emma Lustres e Borja Pena como produtores executivos e Daniel Calparsoro como director encabezan o equipo desta serie, coa que Vaca lle dá continuidade á película homónima, estreada en 2020. Luis Tosar, Asia Ortega e Álvaro Rico danlle vida aos protagonistas desta historia, que conta tamén coas interpretacións da debutante Alana La Hija del Jeque, Richard Holmes, Patricia Vico, Fernando Cayo e os artistas de música urbana Ayax Pedrosa, Dollar Selmouni e Jarfaiter.

A serie arranca cunha chamada en medio da noite, que cambiará o destino de Sole (Asia Ortega) ao lle comunicar que o seu home, líder dunha banda de aluniceiros, acaba de morrer. Convertida en viúva, cun fillo ao seu cargo e moitos negocios problemáticos entre mans, non está disposta a volver baixo a tutela do seu pai, Rogelio (Luis Tosar), un dos maiores traficantes de obxectos roubados de Madrid.